domingo, 14 de junio de 2026

O curso remata... e o noso xornal escolar xa está aquí!

Chegou o momento! 

O curso 2025-2026 chega ao seu fin e, con el, as agardadas vacacións de verán. Foron meses de moito traballo, lecturas, aprendizaxes e momentos inesquecibles entre os andeis da nosa biblioteca. Pero antes de pechar as portas ata setembro, queremos celebrar convosco unha gran noticia:

Por fin sae á luz o novo número do noso Xornal Escolar

Este proxecto é o broche de ouro perfecto para o ano académico, xa que recolle a ilusión, o esforzo e o talento de toda a nosa comunidade educativa. 

Queremos darvos as grazas de corazón a todos e cada un de vós por facelo posible, pola vosa creatividade e por encher de vida a biblioteca un ano máis.

Podes ler o Xornal Escolar en formato dixital premendo na imaxe:


Agora si... toca descansar, ler moito e recargar pilas! 

Moi feliz verán a todas e a todos! Ata o vindeiro curso!

lunes, 8 de junio de 2026

Escolma de Cantigas

 A finais do curso 24/25, o alumnado de Infantil e Primaria do CEIP Plurilingüe de Monterroso recolleu entre os seus achegados as pezas que compoñen esta publicación.
A elaboración desta escolma de cantigas era un proxecto pendente desde o ano pasado que retomamos con moita ilusión. Con el, queremos render un tributo particular a todas as persoas que coidan e transmiten a nosa música, lingua e cultura.



Grazas de corazón a todo o alumnado, ás familias e ao pobo de Monterroso pola súa implicación e xenerosidade. 
Moitísimas grazas!

miércoles, 3 de junio de 2026

Grandes voces para grandes mulleres: O noso alumnado estréase no mundo do podcast!

Hai días na biblioteca que fican gravados no corazón... e, desta volta, tamén nas ondas! Con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller,  o noso cole convertiuse nun auténtico estudio de radio.

Para a gran maioría do noso alumnado, esta foi a súa primeira experiencia gravando un podcast, e non puido ser de mellor xeito: dando voz e poñendo en valor a vida e o legado de dez mulleres galegas excepcionais que fixeron historia.

Os nenos e nenas colgaron os micros e, con moito entusiasmo (e algún que outro nervio de artista!), foron os encargados de contarnos as fazañas de dez referentes absolutas da nosa cultura, ciencia e deporte: Rosalía de Castro, María Barbeito, Susana Rodríguez Gacio,  Ana Peleteiro, Isabel Zendal, Eugenia Osterberger, María Pita, Maruxa Mallo, Concepción Arenal e María Victoria Moreno.

Ver aos máis pequenos de Infantil asombrados diante do micrófono e aos de Primaria lendo con tanta soltura e emoción foi un auténtico agasallo. Con esta actividade non só aprendemos sobre a historia e o feminismo, senón que tamén traballamos a expresión oral, o traballo en equipo e perdemos o medo escénico.

Queremos dar os parabéns a todo o alumnado polo seu gran traballo, polo respecto co que prepararon os textos e por encher o noso cole de tanta maxia radiofónica.

Xa podes escoitalos! 



 Viva o 8 de marzo e vivan as nosas pequenas grandes voces! 

O club de lectura vai de visita!

 

Hoxe o alumnado de 5º e 6º de Primaria que forma parte do Club de lectura tivo unha saída moi especial. Deixamos por unhas horas os nosos libros para visitar a biblioteca do IES de Monterroso. E vaia acollida nos tiñan preparada!

Alí esperábanos o alumnado do club de lectura do instituto. Foi un encontro xenial no que compartimos experiencias e no que os maiores nos contaron todo o que estiveron a facer ao longo deste curso. Deixáronnos abraiados con algunhas das súas iniciativas, como a gravación de podcasts literarios ou a creación de recensións súper creativa

so!

Para redondear unha mañá perfecta de intercambio cultural e moitas risas, compartimos un momento delicioso tomando xuntos un chocolate con churros que nos soubo a gloria.

Queremos agradecer de todo corazón á comunidade do IES de Monterroso e, en especial, ao seu club de lectura, o ben que nos trataron e o agarimo con que nos recibiron.

Gozamos moitísimo da experiencia! Deixámosvos unhas cantas fotos da xornada para que vexades o ben que o pasamos:








jueves, 28 de mayo de 2026

"Fotobiblio": O noso curso en imaxes!


 Cada vez que subes ou baixas os chanzos do colexio, estás a dar un paseo polos mellores momentos do curso! Xa te fixeches parar no noso recuncho "Fotobiblio"?

Situado nas escaleiras, este espazo tan visual converteuse no álbum de recordos vivente da nosa biblioteca. Nel fomos colgando, semana a semana, as fotos de todas as actividades, obradoiros, contacontos e sorpresas que compartimos xuntos.

É o lugar perfecto para buscarte coas túas amizades, lembrar as risas dos días especiais e ver todo o que fomos quen de crear este ano grazas á Biblitoteca.

Cal foi a túa actividade favorita do ano? Búscaa na parede! 

lunes, 25 de mayo de 2026

O cine chega á nosa biblioteca!

Este terceiro trimestre, as páxinas dos teus libros favoritos cobran vida na biblioteca. Queremos convidarvos a unha viaxe moi especial a través das historias de Roald Dahl, que, como xa sabes é un dos autores máis divertidos e fantásticos da literatura infantil.

Durante estas semanas, proxectaremos algunhas das mellores adaptacións cinematográficas baseadas nas súas obras: Matilda, As bruxas, Fántástico Mr. Fox...

Non perdas a oportunidade! Despois de ver as películas, lembra que os libros de Roald Dahl están agardando por ti nos estantes da biblioteca. 

Deixa voar a túa imaxinación e le o que viches na pantalla!

Agardámosvos para gozar do mellor cine e da lectura! 

jueves, 21 de mayo de 2026

Celebramos as Letras Galegas na nosa Biblioteca!

O mes de maio é sempre especial no noso colexio, pero este ano a celebración das Letras Galegas encheu os corredores de sabedoría e moita tradición. Cun programa cheo de actividades, homenaxeamos a nosa lingua e a nosas creadoras da mellor maneira posible: xogando e aprendendo xuntos!

Unha viaxe polo universo de Begoña Caamaño

Para comezar, a entrada do colexio transformouse nun escaparate de lecturas. Alí instalamos unha exposición moi especial con algúns dos libros adicados a Begoña Caamaño. 

Unha oportunidade perfecta para que grandes e pequenos se acheguen á súa obra e descubran a forza das súas palabras.

Misión: Conseguir o carné de xornalista!

O alumnado de Primaria tivo que sacar o seu lado máis detectivesco cun trepidante escape room baseado na vida e obra de Begoña Caamaño. Para superar o reto, os nenos e nenas tiveron que resolver 9 probas de enxeño, traballando en equipo e demostrando a súa astucia. 

O premio? Un merecido carné de xornalista que os acredita como auténticos investigadores!

Moi pronto... Un libro moi noso!

Pero a festa non remata aquí. Nos próximos días sairá á luz un proxecto moi emocionante: un libro único elaborado por todo o alumnado do centro. Nel, os diferentes cursos ilustraron diversas cantigas populares que puidemos recuperar grazas á inestimable colaboración das familias, que compartiron connosco os seus recordos e tesouros orais.

Moitas grazas a todos e todas por facer que o galego siga tan vivo na nosa escola. Non lle perdas a pista ao blog, que axiña compartiremos o resultado final deste gran traballo comunitario!



miércoles, 13 de mayo de 2026

Unha visita moi especial: O humor sen barreiras de "Doscapacitados"

 

A nosa biblioteca escolar converteuse nun escenario cheo de risas, emocións e, sobre todo, moitas aprendizaxes grazas á visita de "Doscapacitados".

Este proxecto, liderado por José de Luna (actor da recoñecida película Campeones) e o cómico Edu Luky, ofreceu ao noso alumnado un espectáculo que vai moito máis alá do entretemento. A través dun monólogo cargado de humor intelixente, anécdotas e moita complicidade, demostráronnos que as barreiras só existen nas nosas mentes.

Cunha mensaxe clara sobre a inclusión, a superación e o respecto á diferenza, "Doscapacitados" foise da biblioteca deixándonos o mellor agasallo posible: un sorriso na boca e unha gran lección no corazón.

Moitas grazas por ensinarnos a ver o mundo desde unha perspectiva tan positiva e xenuína!




martes, 12 de mayo de 2026

Celebramos o Día do Cómic

 No Día do Cómic realizamos no colexio unha actividade moi especial: a creación dun cómic colaborativo entre todos os cursos. Os protagonistas da historia foron Matilda e Charlie Bucket, que viviron unha aventura creada entre todo o alumnado.

Cada curso recibiu unha plantilla coa parte anterior da historia e tivo que continuar o relato empregando a súa imaxinación e creatividade. Así, pouco a pouco, cada clase foi engadindo novas escenas, diálogos e situacións ata completar un cómic único elaborado entre todos e todas.

Esta actividade permitiunos traballar en equipo, fomentar a lectura e a expresión artística, ademais de celebrar o Día do Cómic dunha maneira divertida e participativa.

Aquí podedes ver o resultado!



Club de Lectura: Aventuras baixo a lúa con Danny

 

Este trimestre, o noso Club de Lectura tivo o pracer de viaxar ata unha pequena caravana xitana para coñecer a Danny e ao seu pai, o home máis marabilloso do mundo. Estivemos comentando a fondo as páxinas de "Danny, o campión do mundo", o clásico de Roald Dahl que nos ensinou que non todos os heroes levan capa: algúns usan un vello peto de pana e teñen as mans manchadas de graxa de motor.

De que trata esta historia?

A novela conta a vida de Danny, un neno que vive nunha gasolineira co seu pai. A súa vida é perfecta ata que descobre un segredo familiar: o seu pai ten unha afección nocturna algo perigosa... a caza furtiva de faisáns! Xuntos, terán que artellar un plan mestre para darlle unha lección ao egoísta Victor Hazell.

Durante a reunión, os membros do club destacaron varios puntos clave:

  • A relación pai e fillo: Todos coincidimos en que a complicidade entre eles é o corazón do libro. É unha homenaxe á educación baseada no respecto e na imaxinación.
  • O humor de Dahl: Non faltaron as risas ao recordar o "Gran Plan" e o uso das pílulas para durmir os faisáns.
  • A rebelión contra a inxustiza: Comentamos como Danny e o seu pai se enfrontan ao poder do diñeiro (representado polo Sr. Hazell) usando o enxeño.

"O que che estou dicindo é que o teu pai é... o campión do mundo."

martes, 28 de abril de 2026

O Club de Lectura e "O dedo máxico": Deixándonos levar polo feitizo

 

Este segundo trimestre, o noso Club de Lectura mergullouse no universo fantástico de Roald Dahl coa lectura de O dedo máxico. Esta historia, que mestura o humor coa xustiza poética, levounos a reflexionar sobre o respecto aos demais (e aos animais) e, por suposto, sobre o poder que todos levamos dentro.

Resultou ser: Unha lectura con "chispa"

A protagonista do libro ten un don moi especial: cada vez que se enfada ante unha inxustiza, o seu dedo comeza a formiguear e… ¡ZAS! Lanza un raio máxico que transforma a realidade. Nesta ocasión, a familia Gregg aprendeu unha lección inesquecible sobre o que sente ao estar "do outro lado".

 E se o dedo máxico fose o teu?

Tras rematar o libro, abrimos o debate na biblioteca. Preguntámonos: "Se tiveses ese poder por un día, a quen ou que lle apuntarías co teu dedo máxico?"

As respostas foron tan variadas como fascinantes. No seguinte vídeo podedes escoitar as respostas dos participantes no club de lectura. 




viernes, 24 de abril de 2026

Un Picnic Literario para alimentar a imaxinación

 Este 23 de abril de 2026, o patio do noso cole mudou as mochilas por manteis e os balóns por historias. Para celebrar o Día do Libro, organizamos un gran "Picnic Lector" onde a lectura foi o prato principal que compartimos entre todos e todas.

Un menú de tres estrelas

Nesta ocasión, o alumnado de 5º e 6º de Primaria asumiu o papel de "chefs literarios". Organizados en 15 equipos (mesturando nenos e nenas de todas as idades do centro), encargáronse de ler e servir un menú moi especial:

  1. Primeiro prato: Degustamos a poesía "Cando lemos", de Eva Mejuto. Poema proposto por Bibliotecas Escolares de Galicia para este ano. Unha delicia de versos que nos fixeron voar!
  2. Segundo prato: Un clásico que nunca falla na nosa terra, os Bolechas. Risas e aventuras garantidas en cada grupo.
  3. Sobremesa: Un conto infantil sorpresa que pechou o menú cun sabor doce e moita maxia.

Pero un bo picnic tamén entra polos ollos! Despois de escoitar cada historia, cada grupo sacou o seu lado máis artístico. Nos seus pratos de papel, os nenos e nenas plasmaron en debuxos o que máis lles gustou de cada "mordisco" literario.





"Ler é como comer: canto máis probas, máis fame de historias tes".

Grazas aos nosos contacontos e a todo o alumnado pola súa ilusión. 

Que a fame de libros non se esgote nunca!


martes, 14 de abril de 2026

"Lerflix": O catálogo de novidades da nosa biblioteca!


 Se es dos que se pasa as horas escollendo que ver nas plataformas de streaming, temos unha sección que che vai encantar... pero en versión literaria! Coñeces xa o noso recuncho "Lerflix"?

Situado nun lugar moi especial do cole, "Lerflix" é o noso escaparate de novidades

Ao igual que as túas series favoritas, o noso catálogo non parou de actualizarse: ao longo de todo o curso fomos cambiando os libros e engadindo novas "tempadas" cheas de historias de aventuras, misterio, banda deseñada e moito máis.


martes, 24 de marzo de 2026

O Club de Lectura de 4º visita aos Mimpins


 


Nas últimas semanas o alumnado de 4º de Primaria estivo mergullado na lectura de Los Mimpins, a última xoia que nos deixou o gran Roald Dahl.

Acompañamos ao pequeno Billy na súa fuxida cara ao Bosque do Pecado, descubrimos como é vivir dentro das árbores e coñecemos a eses seres diminutos que viaxan a lombos de paxaros. Pero, sobre todo, enfrontámonos a un gran perigo... ¡O Zampavivientes!

Despois de gozar coas peripecias de Billy, o noso alumnado pasou da lectura á acción. Organizados por equipos de exploradores, recibiron un desafío de enxeñaría e creatividade: Deseñar unha trampa  para atrapar ao monstro que aterra aos Mimpins.

Os resultados foron impresionantes: Enxeño en equipo, creatividade sen límites e moita cooperación. Como dicía Roald Dahl: "Quen non cree na maxia nunca a atopará."

Con este talento, estamos seguros de que os Mimpins por fin poderán durmir tranquilos nas súas árbores!

Aquí vos deixamos unha imaxe cos seus proxectos e un vídeo coa reseña do libro

Grazas a todos os participantes por facer que os libros cobren vida! Vémonos na próxima lectura.

Matilda: Unha lección de maxia e valentía no noso Club de Lectura

 Unha vez máis, podemos dicilo ben alto: ¡o noso Club de Lectura foi un éxito absoluto! Este trimestre compartimos horas de aventuras, risas e moita reflexión arredor dun dos clásicos máis queridos da literatura infantil: Matilda, de Roald Dahl.

O alumnado mergullouse de cheo na historia desta nena tan especial que, armada cunha intelixencia prodixiosa e un amor infinito polos libros, foi quen de enfrontarse a calquera inxustiza.

O que aprendemos con Matilda 

Máis alá dos seus poderes telequinéticos, o que máis nos gustou de Matilda foron as grandes leccións que nos deixou en cada capítulo:

  • O poder da lectura: Descubrimos que os libros son “ventás abertas” que nos permiten viaxar e ser máis libres.
  • A importancia da bondade: A relación coa señorita Honey ensinounos que a empatía é a ferramenta máis poderosa.
  • Valentía ante a inxustiza: Aprendemos que, por pequenos que sexamos, todos temos voz para loitar polo que é xusto.

No seguinte vídeo podedes escoitar as súas impresións sobre a lectura.


Para rematar a actividade, quixemos poñer a proba a atención de todos e todas cun test de coñecementos moi especial. Dependendo dos seus acertos, os resultados clasificaban aos lectores en tres niveis:

  1. Xenios coma Matilda: Para os que non perderon nin un detalle e demostraron unha mente brillante.
  2. Grandes lectores: Para os que coñecen moi ben a historia e gozaron coas peripecias da protagonista.
  3. Despistados en perigo: Para os que non prestaron moita atención á lectura… e que deberán ter moito coidado! A señorita Trunchbull anda á espreita e non dubidará en mandalos ao “Buraco” ou darlles un bo castigo se non repasan o libro.

Ver como os nenos e nenas debaten e se emocionan coas peripecias de Matilda é o mellor regalo para esta biblioteca. Grazas a todos os participantes por facer do Club de Lectura un espazo tan vivo e vibrante.

lunes, 16 de marzo de 2026

A literatura galega salta ás páxinas: Semana da Prensa na Biblio

 


Benvidos e benvidas! Esta semana a nosa biblioteca cheira a tinta e a papel fresco. Co gallo da Semana da Prensa, decidimos converter ao alumnado en "arqueólogos de noticias" cunha misión moi especial: rescatar a literatura galega das columnas dos xornais.

Moitas veces pensamos que a literatura só vive nos libros, pero... que equivocados estabamos! Abrindo os diarios (tanto en papel como nas súas versións dixitais), descubrimos que as nosas letras están máis vivas que nunca.

Que atopamos entre as noticias?

O noso taboleiro encheuse de recortes que demostran que Galicia escribe, e moito. Velaquí o noso botín:

  • Entrevistas e Biografías: Coñecemos máis de preto ás autoras e autores que hoxe lideran as listas de vendas e tamén repasamos as vidas dos que nos abriron o camiño.
  • Premios: Seguimos a pista das obras preseleccionadas para os grandes galardóns.
  • Xéneros para todos os gustos: Dende críticas de ensaio e novas sobre teatro, ata versos de poesía que asoman entre a actualidade.
  • Eventos e Relatos: Presentacións de libros, feiras e pequenos relatos que se coan nas seccións de cultura.
  • Rosalía de Castro, sempre presente: Comprobamos que a nosa Gran Señora segue a ser noticia cada semana, xa sexa por novas investigacións, homenaxes ou pola súa influencia na cultura urbana actual.

Ler o xornal axúdanos a ter un sentido crítico, a saber que pasa no noso arredor e a descubrir que a cultura galega non é algo estático nun estante, senón algo que acontece hoxe mesmo.

"A prensa é a artillería da liberdade." – E as nosas letras, a alma que lle dá sentido.

 

Non poderiamos pechar esta semana sen falar da emocionante e creativa participación dos nenos e nenas de Infantil.

Nun exercicio cheo de imaxinación e sensibilidade, converteron novas no xornal que contaban  historias tristes, unhas desas "malas novas" que ás veces nos atopamos, en algo fermoso, en auténticas obras de arte. Con cores vivas, texturas e debuxos cheos de esperanza, demostrando que a creatividade e o amor poden curar calquera cousa. Ademais atopáronse nunha nova do xornal.

Invitámosvos a pasar polo cole para botar un ollo ao noso mural de recortes e, quen sabe, quizais hoxe saias de aquí con ganas de ler ese libro do que falan todos os medios.

lunes, 9 de marzo de 2026

8M: as nosas Matildas, as heroínas galegas que inspiran

 O pasado 8 de marzo, co muller de celebrar o Día Internacional da Muller, a nosa biblioteca escolar encheuse de talento, investigación e moito traballo en equipo.

Para conmemorar este día tan importante, organizamos un obradoiro moi especial en colaboración con todas as aulas do centro. A misión? Darlles ás nosas alumnas e alumnos o papel de detectives da historia para empezar a construír a nosa propia Biblioteca de Mulleres Galegas.

Cada clase encargouse de investigar a fondo a vida e o legado dunha muller galega senlleira: dende escritoras que romperon moldes ata científicas, activistas e deportistas que fixeron (e fan) historia na nosa terra.

Pero a cousa non quedou aí! Despois de descubrir as súas fascinantes vidas, no obradoiro da biblioteca puxemos mans á obra e coloreamos uns debuxos incribles de cada unha delas.

Sabías que...? Galiza está chea de mulleres pioneiras que cambiaron o mundo. Con este proxecto queremos que os seus nomes non se esquezan e que sexan un referente para todo o noso alumnado.

Se os debuxos vos parecen pouco... preparádevos para o que vén! Todo ese traballo de investigación que fixeron as clases non vai quedar no papel. Moléstanos moito anunciar que proximamente realizaremos un podcast onde os propios alumnos e alumnas vos contarán, coas súas voces, as historias destas mulleres tan importantes.


 

lunes, 23 de febrero de 2026

Poeflix presenta: "Dous mundos, dúas plumas"

 



Na nosa biblioteca as historias non só se len, viven! Este mes, a carteleira de Poeflix botou lume cunha produción moi especial. Aproveitando que o calendario nos agasalla co Día de Rosalía e o Día da Poesía, decidimos que non había mellor xeito de celebralo que unindo dous universos que, a priori, parecen distantes, pero que comparten a maxia da palabra.

Baixo o título "Dous mundos, dúas plumas", a biblioteca transformouse nun escenario onde o sentimento da nosa terra e a retranca británica déronse a man.

Que pasa se xuntamos a alma de Galicia coa ironía máis divertida de “Versos para niños perversos”

O resultado foi unha explosión de creatividade:

  • Rosalía de Castro: A nosa voz eterna, que nos trouxo a sensibilidade, o amor pola lingua e a forza dos nosos versos.
  • Roald Dahl: O mestre da travesura que, coas súas rimas adaptadas, deulle a volta aos contos clásicos para facernos rir e reflexionar.

Os nenos e nenas do cole foron os auténticos "actores e actrices" desta sesión de Poeflix:

Os máis cativos de Infantil emocionáronnos coa dozura dos versos rosalianos, demostrando que a poesía non ten idade.

Os veteranos de Primaria atrevéronse a maiores cos Versos para nenos perversos de Dahl, arrancando gargalladas coas súas versións máis "canallas" e divertidas.

Coñeces E-LBE.2? A lectura dixital chega ao noso cole!

 Sabías que a lectura non remata cando pechas as portas do colexio? 

Agora podedes levar milleiros de historias no voso peto grazas a E-LBE.2, a plataforma de préstamo dixital das Bibliotecas Escolares de Galicia. Aquí tes o enlace: https://bega-elbe2.edu.xunta.es/?locale=es

Se vos apetece ler dende a tablet, o ordenador... este é o voso sitio.

Que ides atopar en E-LBE.2?

  • Novidades e clásicos: Cómics, novelas de aventuras, misterio, poesía... e moito máis!

  • Lectura ao teu ritmo: Podes coller libros en préstamo de xeito totalmente gratuíto durante uns días.

  • Onde e cando queiras: Na casa, viaxando ou nun recuncho cómodo do sofá.

No cole tamén a uamos, é unha ferramenta xenial para unas na hora de lectura. Así podemoss ler tod@s xuntos!


Non hai escusas para non viaxar a outros mundos este curso. 

Entra, busca a túa próxima lectura e... deixa voar a túa imaxinación!

miércoles, 11 de febrero de 2026

Galicia ten nome de muller e apelido de ciencia


 

O pasado 11 de febreiro, no Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a nosa biblioteca non só se encheu de libros, senón de referentes. Baixo o lema "Mulleres galegas na ciencia”, cada aula do cole transformouse nun pequeno laboratorio de historia para descubrir que o ADN do progreso tamén fala galego.

Sabías que algunhas das mentes máis brillantes do océano, das estrelas ou da medicina naceron moi preto de aquí? Este ano decidimos que, para mirar ao futuro, primeiro tiñamos que recoñecer o pasado e o presente das nosas mulleres de ciencia.

Cada clase adoptou a unha científica galega para investigar a súa vida, os seus descubrimentos,... O resultado? Un cole cun mural cheo de mulleres galegas e curiosidades que nos demostran que as batas brancas non teñen xénero.

Algunhas das nosas protagonistas: Ángeles Alvariño, Isabel Zendal, Antonia Ferrín, Olimpia Valencia, Marisol Soengas,... algunha nacida na Comarca da Ulloa.

Porque queremos que as nenas do noso cole saiban que, se queren ser biólogas, físicas, matemáticas ou enxeñeiras, teñen un camiño xa iniciado por mulleres valentes.

viernes, 9 de enero de 2026

Obra teatral "Charlie e a fábrica de chocolate"

 Este trimestre, no Club de lectura, traballamos a reo. Adicamos moitos recreos a montar a marabillosa obra teatral de "Charlie e a fábrica de chocolate".

Despois de tanto esforzo, representamos a obra o día 18 de decembro diante de todos os nosos compañeiros. Os nervios estaban a flor de pel, pero ver as caras do público e sentir os seus aplausos, resultou moi gratificante e encheunos de orgullo e satisfacción.

Queremos que saibades que quedamos con gaña de máis!

Aquí vos deixamos o video: