miércoles, 29 de octubre de 2025

 


 Celebrando a Semana das Bibliotecas co escritor Anxo Moure.

No marco da Semana das Bibliotecas, o noso colexio viviu unha experiencia inspiradora e diferente. Tivemos a visita do escrito Anxo Moure, o cal falounos sobre un tema de gran importancia: o coidado da natureza, centrado especialmente no seu libro “ A Xacia Luviñas”

Durante a charla, o autor convidounos a reflexionar sobre o papel que todos temos no coidado do medio ambiente. Explicounos como os ríos non son só fontes de auga, senón tamén o fogar de moitas especies, e unha parte fundamental para manter a vida no planeta. Dunha maneira próxima e creativa, compartiu historias que nos axudaron a comprender que incluso os pequenos xestos como non tirar lixo, aforrar auga ou respectar os espazos naturais axudan a construír un futuro máis limpo e sostible.

A actividade non só reforzou o noso interese pola lectura e a os contos, senón que tamén nos deixou unha valiosa ensinanza: coidar a natureza é coidar o noso futuro.



lunes, 27 de octubre de 2025

Día das Bibliotecas: unha apertura de curso máxica con Anteollos e Migas

 


O Día das Bibliotecas chegou e, con el, inauguramos oficialmente o curso escolar na nosa querida biblioteca. Este ano foi un día realmente especial, cheo de sorpresas, risas e novos descubrimentos!

A estrela do día foi, sen dúbida, a nosa nova mascota da biblioteca: Anteollos (que, como o seu nome indica, sempre leva unhas lentes para ler mellor) e o seu simpático e traveso axudante, Migas.

Anteollos e Migas encargáronse de guiar ao alumnado nunha fantástica visita guiada por cada recuncho da biblioteca. Foi a maneira perfecta de que os recentemente chegados coñecesen as diferentes zonas temáticas: dende o andel de novela ata o recuncho dos libros informativos e a zona de prensa.

Explicaron as normas da biblioteca dunha maneira divertida e clara, para que todos saibamos como coidar os nosos libros e manter a orde. Anteollos insistiu moito en que os libros son amigos que hai que tratar con agarimo!

Pero a gran revelación do día foi a presentación do noso novo Proxecto Documental Integrado (PDI) para este curso escolar: O Universo de Roald Dahl.

Este ano, mergullarémonos no mundo dun dos escritores máis xeniais e divertidos da literatura infantil e xuvenil.

Prepárense para historias de chocolaterías máxicas, bruxas horribles e nenos extraordinarios!

Migas xa nos chibou que está a preparar un menú moi fantástico baseado nos seus libros e Anteollos propúxonos ser científicos e científicas por un día e presentar durante o mes da ciencia (novembro) os nosos experimentos. Animádevos!

Desde a biblioteca, animámosvos a todos a que veñades a coñecernos, a saudar a Anteollos e Migas, e a comezar a vosa propia aventura no universo de Roald Dahl.


lunes, 20 de octubre de 2025

As Mochilas Viaxeiras xa están listas!

 Ola a todos e a todas!!

Aquí vos falan Anteollos e Migas, as mascotas da vosa biblioteca. Hoxe escribimos para contarvos unha gran nova: as mochilas viaxeiras xa comezan a andar polo colexio.

Cada semana, un neno ou unha nena de cada clase do centro terá a sorte de levar unha destas mochilas para a súa casa. Dentro delas encargámonos de gardar tres ou catro libros moi variados. Atoparedes lecturas tanto en galego como en castelán, novelas, poesís, cómics divertidos ou libros de manualidades para facer proxectos na casa.

O noso obxectivo é que compartades estes libros coa vosa familia e que deixedes voar a voda imaxinación facendo un debuxo na libreta que hai dentro da mochila. O único que tedes que facer é coidalos moi ben e disfrutalos ao máximo. 


Estade moi atentos na vosa aula, porque calquera día seredes os elixidos.

Un saúdo moi forte de Anteollos e Migas.

 ¡A ler e a desfrutar!

lunes, 6 de octubre de 2025

Viaxa a "O Universo de Roald Dahl" con Anteollos e Migas!

 

A Biblioteca Escolar arrinca o novo curso cunha aventura que che fará voar a imaxinación!

Estamos encantados de presentarvos o nova PDI deste ano: "O Universo de Roald Dahl". Preparádevos para mergullarvos nun mundo onde a maxia, o chocolate, os inventos fantásticos e as historias máis xeniais son a norma.

Roald Dahl é, sen dúbida, un dos autores de literatura infantil e xuvenil máis queridos de todos os tempos. Coa súa pluma divertida e enxeñosa, regalounos personaxes inesquecibles como Matilda, Willy Wonka, o Gran Xigante Bonachón (B.F.G.) e as malvadas bruxas. A través deste proxecto, exploraremos os seus libros, descubriremos a súa vida e entenderemos por que as súas historias seguen fascinando a lectores de todas as idades.

Anteollos e Migas xa están a preparar os seus cadernos!

As nosas mascotas, Anteollos e Migas, están máis que listas para esta expedición literaria.

Anteollos, coa súa sabedoría e a súa curiosidade infinita, axudaravos a navegar pola biblioteca para atopar todas as claves e segredos que esconde a obra de Dahl. Aprenderemos a clasificar os seus libros, a buscar datos e a converternos en verdadeiros detectives literarios.

E Migas, a máis lambona e travesa, encargarase de lembrarnos a importancia da imaxinación e o humor que caracterizan ao autor. Ela animaravos a ler, a debuxar e a soñar co chocolate que flúe na fábrica de Wonka.

Durante este curso, a PDI "O Universo de Roald Dahl" levaranos a realizar actividades, talleres de escritura, lecturas dramatizadas e, quen sabe, quizais ata algún concurso de inventos ao estilo do autor!

Estade  atentos/as e este blog e aos taboleiros da biblioteca! Anteollos e Migas teñen xa preparadas as primeiras sorpresas.

Esperámoste para comezar esta aventura literaria!

Misión cumprida: Un "Escape Room" para formar aos nosos voluntarios e voluntarias!

 O equipo de axudantes da biblioteca xa está listo para a acción! Nestas últimas semanas, o alumnado voluntario de 5º e 6º de Primaria participou na súa xornada de formación de usuarios. Pero esquecédevos das charlas aburridas e das normas ditadas de memoria... Este ano quixemos facer algo totalmente diferente e emocionante!

Para coñecer a fondo os segredos da nosa biblioteca, os rapaces e rapazas tiveron que enfrontarse a un gran reto: un Escape Room bibliotecario!

Organizados en equipos, tiveron que resolver misterios, descifrar códigos ocultos e superar divertidas probas que os levaron a:

  • Comprender como se organiza a CDU (Clasificación Decimal Universal).

  • Aprender a buscar correctamente os libros nos estantes.

  • Diferenciar as distintas seccións do noso espazo.

  • Coñecer o funcionamento do sistema de préstamos.

O mellor de todo? Que aprenderon un montón case sen darse conta, demostrando un traballo en equipo fantástico e, sobre todo, pasándoo en grande. O entusiasmo e os sorrisos foron os grandes protagonistas da xornada. ¡Temos un equipo de axudantes de primeira!.

Deixámosvos algunhas fotos coas mellores imaxes do Escape Room e da formación. Non perdades as caras de concentración e ledicia!  



Pero as formacións non foron cousa exclusiva do alumnado. O profesorado do centro tamén tivo a súa propia sesión de formación de usuarios.

Porque nunha biblioteca viva, ¡todos seguimos aprendendo cada día!