Felices lecturas e bo nadal a todos!
Felices lecturas e bo nadal a todos!
Ola, súper lectores!
O Club de Lectura
de 4º de Primaria culminou outra incrible aventura literaria. Este mes,
viaxamos ao corazón dun conto cheo de risas, enxeño e amizade: “La jirafa,
el pelícano y el mono” do noso queridísimo autor Roald Dahl.
Coñecemos a Billy
e aos Limpa cristais sen Escaleira, e xuntos vivimos unha aventura que culmina
coa captura do famoso ladrón de xoias, o Cobra.
Despois de
devorar este divertido libro, realizamos dúas sesións moi especiais do Club de
Lectura, centradas nunha actividade que puxo a proba a estratexia e a
creatividade dos nosos novos detectives: "O Plan Antirroubo do
Duque".
Os nosos 22
alumnos dividíronse en cinco equipos, e a súa misión era deseñar un plan
infalible para previr o roubo do famoso colar polo Cobra, antes de que
sucedese.
Cada equipo
transformouse nunha axencia de seguridade, realizando as seguintes tarefas:
1. Asignación de Roles
2. Deseño de Planos
3. Accións Concretas
Os plans foron
brillantes e demostraron que os nosos lectores comprenderon moi ben as
habilidades únicas de cada personaxe. A creatividade no uso dos picos, os
pescozos e a axilidade para a vixilancia e a emboscada foi asombrosa. Roald
Dahl estaría moi orgulloso destes estrategos!
Aquí déixanvos un
breve vídeo do libro.
Por outra banda, o alumnado de 5º e 6º, pertencente ao Club de lectura, despois de ler o libro "A bruxas" de Roald Dahl, compartiron con nós un video no que amosaron o que máis lle gustou e impactou do mesmo
Grazas a todos os membros do club pola súa participación e por converter a lectura nunha experiencia de aprendizaxe tan práctica e divertida!
Próximo libro:
Estean atentos ao taboleiro de anuncios da biblioteca para descubrir cal será a
nosa próxima gran aventura!
Felices lecturas!
Na nosa biblioteca durante ou mes de novembro quedamos emocionados co lanzamento dunha das actividades máis esperadas: o "Obradoiro das Ciencias". Resultou ser un mes cheo de descubrimentos, preguntas e moitas... moitas explosións de coñecemento (controladas, por suposto!).
Sabemos que a curiosidade non ten límites e por iso
queriamos transformar a nosa biblioteca nun auténtico laboratorio de ideas e
experimentos. Queriamos animar aos nosos mozos e mozas científicos a explorar o
mundo que lles rodea, a facerse preguntas e a atopar respostas da maneira máis
divertida e práctica posible.
Cada luns, durante o mes de novembro, a biblioteca abriu
as súas portas para converterse nun espazo de experimentación. Participaron
grupos pequenos de alumnado (2 ou 3 nenos/as por quenda) quen trouxo preparados
desde casa os experimentos científicos que máis lles apaixonaron.
Foi unha experiencia fantástica para
• Compartir
coñecementos: mostrar aos demais os incribles experimentos que investigaron.
• Aprender
facendo: a mellor forma de entender a ciencia é poñéndoa en práctica.
• Espertar vocacións:
quizais esteamos a descubrir aos científicos do futuro.
• Fomentar a
curiosidade: que a biblioteca non só sexa un lugar de lectura, senón tamén de
investigación e descubrimento.
Na entrada da Biblioteca, na sección Fotobiblio, podedes desfrutar das fotos da ciencia!
Elena atrapounos desde o primeiro momento coa súa
historia. Rimos e gozamos moitísimo! Pero o mellor de todo é a mensaxe secreta
que esconde "Galofoguete": é un conto máxico sobre a inclusión e o
valor da diversidade. Non foi só unha lectura divertida; foi unha oportunidade
para que pequenos e maiores reflexionásemos sobre como as nosas diferenzas
enriquécennos.
E a aventura non terminou aí! Os nosos compañeiros de 6º
de Primaria tomaron o protagonismo.
Convertidos en audaces xornalistas, realizaron unha interesante entrevista a
Elena, afondando tanto no proceso creativo do libro coma na súa mensaxe
integradora. Ademais de preguntas nas
que deron a coñecer outras habilidades de Elena: o seu traballo como xurista, no
eu grupo de pandeiretas... A autora
respondeu con gran proximidade á curiosidade dos nosos estudantes.
Desde a biblioteca, queremos dar un agradecemento enorme
a Elena Fernández por traernos unha historia tan necesaria e felicitar aos
mozos e mozas de 6º polo seu excelente traballo.
O 25 de novembro é unha data clave no noso calendario, dedicada á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Este ano, na nosa biblioteca e no centro educativo, quixemos abordalo dunha maneira moi especial e significativa, inspirándonos nun personaxe que simboliza a intelixencia, a valentía e a capacidade de superar adversidades: a inesquecible Matilda de Roald Dahl!
Dentro do marco de nosa PDI anual, "O Universo de
Roald Dahl", exploramos non só as fantásticas historias do autor, senón
tamén as poderosas mensaxes que se esconden nos seus personaxes. Matilda, co
seu espírito indomable e a súa convicción de que un pode cambiar a súa propia
historia, converteuse na nosa guía para esta importante conmemoración.
Para iso, cada aula, desde Infantil ata Primaria,
embarcouse na creación dun cartel único, partindo de diferentes frases
emblemáticas de Matilda. Cada frase foi unha faísca de inspiración para reflexionar
sobre a fortaleza, a autonomía e a necesidade de alzar a voz. Os resultados
foron espectaculares: murais cheos de cor, creatividade e mensaxes potentes que
nos lembran que a lectura, a educación e a conciencia son as nosas mellores
ferramentas.
No marco da Semana das Bibliotecas, o noso colexio viviu unha experiencia inspiradora e diferente. Tivemos a visita do escrito Anxo Moure, o cal falounos sobre un tema de gran importancia: o coidado da natureza, centrado especialmente no seu libro “ A Xacia Luviñas”
Durante a charla, o autor convidounos a reflexionar sobre o papel que todos temos no coidado do medio ambiente. Explicounos como os ríos non son só fontes de auga, senón tamén o fogar de moitas especies, e unha parte fundamental para manter a vida no planeta. Dunha maneira próxima e creativa, compartiu historias que nos axudaron a comprender que incluso os pequenos xestos como non tirar lixo, aforrar auga ou respectar os espazos naturais axudan a construír un futuro máis limpo e sostible.
A actividade non só reforzou o noso interese pola lectura e a os contos, senón que tamén nos deixou unha valiosa ensinanza: coidar a natureza é coidar o noso futuro.
O Día das Bibliotecas chegou e, con el, inauguramos oficialmente o curso escolar na nosa querida biblioteca. Este ano foi un día realmente especial, cheo de sorpresas, risas e novos descubrimentos!
A estrela do día foi, sen dúbida, a nosa nova mascota da
biblioteca: Anteollos (que, como o seu nome indica, sempre leva unhas lentes
para ler mellor) e o seu simpático e traveso axudante, Migas.
Anteollos e Migas encargáronse de guiar ao alumnado nunha
fantástica visita guiada por cada recuncho da biblioteca. Foi a maneira
perfecta de que os recentemente chegados coñecesen as diferentes zonas
temáticas: dende o andel de novela ata o recuncho dos libros informativos e a zona
de prensa.
Explicaron as normas da biblioteca dunha maneira
divertida e clara, para que todos saibamos como coidar os nosos libros e manter
a orde. Anteollos insistiu moito en que os libros son amigos que hai que tratar
con agarimo!
Pero a gran revelación do día foi a presentación do noso
novo Proxecto Documental Integrado (PDI) para este curso escolar: O Universo de
Roald Dahl.
Este ano, mergullarémonos no mundo dun dos escritores
máis xeniais e divertidos da literatura infantil e xuvenil.
Prepárense para historias de chocolaterías máxicas,
bruxas horribles e nenos extraordinarios!
Migas xa nos chibou que está a preparar un menú moi fantástico baseado nos seus libros e Anteollos propúxonos ser científicos e científicas por un día e presentar durante o mes da ciencia (novembro) os nosos experimentos. Animádevos!
Desde a biblioteca, animámosvos a todos a que veñades a
coñecernos, a saudar a Anteollos e Migas, e a comezar a vosa propia aventura no
universo de Roald Dahl.
A Biblioteca Escolar arrinca o novo curso cunha aventura
que che fará voar a imaxinación!
Estamos encantados de presentarvos o nova PDI deste ano: "O Universo de Roald Dahl". Preparádevos para mergullarvos nun mundo onde a maxia, o chocolate, os inventos fantásticos e as historias máis xeniais son a norma.
Roald Dahl é, sen dúbida, un dos autores de literatura
infantil e xuvenil máis queridos de todos os tempos. Coa súa pluma divertida e
enxeñosa, regalounos personaxes inesquecibles como Matilda, Willy Wonka, o Gran
Xigante Bonachón (B.F.G.) e as malvadas bruxas. A través deste proxecto,
exploraremos os seus libros, descubriremos a súa vida e entenderemos por que as
súas historias seguen fascinando a lectores de todas as idades.
Anteollos e Migas xa están a preparar os seus cadernos!
As nosas mascotas, Anteollos e Migas, están máis que
listas para esta expedición literaria.
Anteollos, coa súa sabedoría e a súa curiosidade
infinita, axudaravos a navegar pola biblioteca para atopar todas as claves e
segredos que esconde a obra de Dahl. Aprenderemos a clasificar os seus libros,
a buscar datos e a converternos en verdadeiros detectives literarios.
E Migas, a máis lambona e travesa, encargarase de lembrarnos
a importancia da imaxinación e o humor que caracterizan ao autor. Ela
animaravos a ler, a debuxar e a soñar co chocolate que flúe na fábrica de
Wonka.
Durante este curso, a PDI "O Universo de Roald Dahl" levaranos a realizar actividades, talleres de escritura, lecturas dramatizadas e, quen sabe, quizais ata algún concurso de inventos ao estilo do autor!
Estade atentos/as e este blog e aos taboleiros da biblioteca! Anteollos e Migas teñen xa preparadas as primeiras sorpresas.
Esperámoste para comezar esta aventura literaria!
O pasado día 3 de xuño, o alumnado do club de lectura viviu unha experiencia diferente e enriquecedora: realizamos unha andaina ata a biblioteca do Ceip de Antas de Ulla, combinando o pracer de camiñar en grupo co descubrimento dun espazo cultural único.
A ruta foi amena e chea de conversas literarias, co bo humor e a curiosidade como compañeiras de viaxe. Ao chegar á biblioteca, fomos recibidos/as con moita amabilidade polo equipo que a xestiona. Alí, contáronnos a interesante historia de como lograron crear e consolidar ese espazo: desde os primeiros pasos ata a situación actual, pasando polo traballo comunitario, as colaboracións e o esforzo constante por manter unha biblioteca viva, útil e aberta a toda a veciñanza.
Ademais, explicáronnos (algúns alumnos/as do centro e de todas as idades) como se organiza o fondo bibliográfico, que actividades realizan ao longo do ano e como implican á comunidade na súa xestión. Foi especialmente inspirador ver como o amor polos libros e pola lectura pode converterse nun proxecto colectivo, sostible e cheo de vida.
Voltamos ao centro cansos/as pero moi contentos/as, coa mochila cargada de ideas e coa ilusión de seguir facendo do club de lectura un espazo tan enriquecedor como o que tivemos a sorte de visitar.
Ola de novo!
Hoxe toca subir o vídeos resumo dos libros que limos
este curso no Club de Lectura.
Teo, Martina e Efrén fálannos de Muriel de María Canosa, que, por certo, recibiu o Premio Merlín de Literatura Infantil de 2017.
Manuel e Lucas anímanos a ler Carabela de Paula Carballeira, autora premiada este ano nos Clubs de Lectura das Bibliotecas Escolares.
Como sabedes este ano a Real Academia Galega (RAG) acordou dedicarlles o Día das Letras Galegas 2025 ás cantareiras e a poesía popular oral, representadas nas figuras de Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira e as Pandereteiras de Mens.
Nós tamén quixemos homenaxear e poñer en valor o labor destas mulleres gardiás da nosa lingua e da nosa cultura popular de diferentes formas.
O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, fixeron un traballo de investigación na materia de Música. Nunha liña do tempo recolleron a evolución da música galega "Dende as cantareira ata as Tanxugueiras".
Por outra banda, todo o cole participou nun concerto moi fermoso no que interpretaron diferentes cantigas das homenaxeadas, unha muiñeira... e rematamos o acto cantando, con moita forza, a canción "Tataravoa" das Fillas de Cassandra. Fixémolo tan ben que, parafraseando a letra da canción, as nosas tataravoas estarían moi contentas!!
Esta semana, recibimos con moita ilusión ao grupo de 5º de Primaria, quen participou nunha formación especial de usuarios da biblioteca.
Durante a sesión, aprenderon como está organizada a biblioteca, como se buscan os libros no catálogo, e que servizos ofrece este espazo tan importante para a aprendizaxe e a imaxinación. Logo realizaron por grupos unha procura e posta en práctica do aprendido onde as pistas atopadas estaban relacionas coas cantareiras homenaxeadas este ano. Pero iso non é todo: este grupo non só veu aprender, senón tamén a colaborar!
📖 Estamos felices de ver como os nosos mozos lectores convértense en usuarios responsables e comprometidos coa biblioteca!
Como sabedes este curso o proxecto do cole é "A comarca da Ulloa ollando para o mundo", así que para celebrar o Día do Libro, decidimos investigar sobre as lendas máis destacadas dos diferentes continentes:
Durante a Semana da Prensa, o alumnado participou nunha actividade da biblioteca dentro do proxecto "A Ulloa ollando para o mundo". Os nenos e nenas convertéronse en pequenos xornalistas: buscaron noticias de diferentes continentes e clasificáronas segundo as seccións dun xornal (sociedade, cultura, deportes, internacional...).
Ao final da semana, puxeron en práctica todo o aprendido coa elaboración dun telexornal, no que presentaron as novas recollidas diante das cámaras. Unha experiencia moi enriquecedora para coñecer o mundo e entender mellor os medios de comunicación.
Na semana do cómic o alumnado quixo deleitarnos cuns cómics feitos por eles nos que cada ciclo tiña un reto diferente: completar unha historia, debuxar, escribir o texto, recrear os globos do cómic...
As propostas foron sorprendentes pero fixemos unha escolla dos máis destacados de cada aula, aquí vos deixamos unha imaxe do mesmos.
Este curso celebramos de maneira conxunta o Día de Rosalía de Castro (23 de febreiro) e o Día Mundial da Poesía (21 de marzo) coa inauguración da sección "POEFLIX", unha iniciativa destinada a fomentar a lectura e a expresión poética entre o seu alumnado.
A actividade principal, titulada "O cole recita a...", involucrou a todo o centro educativo. Os nenos e nenas de Educación Infantil recitaron poemas de Rosalía de Castro, mentres que o alumnado de Primaria seleccionou e recitou poemas de diferentes continentes.
Aproveito para engadir outras seccións como "FOTOBIBLIO" donde visionamos as fotos de todas as actividades realizadas dende a biblioteca e a sección "LEERFLIX" para suxerir lecturas aos nosos discentes.
O alumnado que asiste ao clube de lectura representou a obra teatral Mamasiña que medo! na Biblioteca, o día 21 de febreiro de 2025. Todo o cole puido desfrutar destes grandes actores e actrices e co ben que o fixeron, quedaron con ganas de repetilo.
🎦Pincha na foto para ver o video!
Ola de novo!
Este novo curso vimos cargados de novidades dende a biblioteca do CEIP Plurilingüe de Monterroso.
Como xa sabedes, estamos a cambiar de localización a nosa biblioteca, e como vai ser un espazo totalmente renovado pensamos que o mellor sería escoller unha nova mascota.
Por iso, no primeiro trimestre pedímoslle a todo o alumnado do colexio que nos achegara as súas propostas para despois decidir o gañador ou gañadora nun competido sufraxio. Sufraxio significa votación, non pensedes que vos ides ir de aquí sen aprender nada.
Algunhas das propostas que chegaron a finalistas foron as que podedes ver na seguinte foto.
E tras o reconto final, estamos encantados de presentarvos a nosa nova mascota, Anteollos.
Un saúdo e ata a próxima!