Benvidos e
benvidas! Esta semana a nosa biblioteca cheira a tinta e a papel fresco. Co
gallo da Semana da Prensa, decidimos converter ao alumnado en
"arqueólogos de noticias" cunha misión moi especial: rescatar a literatura
galega das columnas dos xornais.
Moitas veces
pensamos que a literatura só vive nos libros, pero... que equivocados
estabamos! Abrindo os diarios (tanto en papel como nas súas versións dixitais),
descubrimos que as nosas letras están máis vivas que nunca.
Que atopamos
entre as noticias?
O noso taboleiro
encheuse de recortes que demostran que Galicia escribe, e moito. Velaquí o noso
botín:
- Entrevistas e Biografías: Coñecemos máis de preto ás autoras e
autores que hoxe lideran as listas de vendas e tamén repasamos as vidas
dos que nos abriron o camiño.
- Premios: Seguimos a pista das obras preseleccionadas
para os grandes galardóns.
- Xéneros para todos os gustos: Dende críticas de ensaio e
novas sobre teatro, ata versos de poesía que asoman entre a
actualidade.
- Eventos e Relatos: Presentacións de libros, feiras e
pequenos relatos que se coan nas seccións de cultura.
- Rosalía de Castro, sempre presente: Comprobamos que a nosa Gran Señora
segue a ser noticia cada semana, xa sexa por novas investigacións,
homenaxes ou pola súa influencia na cultura urbana actual.
Ler o xornal
axúdanos a ter un sentido crítico, a saber que pasa no noso arredor e a
descubrir que a cultura galega non é algo estático nun estante, senón algo que
acontece hoxe mesmo.
"A prensa
é a artillería da liberdade." – E as nosas letras, a alma que lle dá sentido.
Non poderiamos
pechar esta semana sen falar da emocionante e creativa participación dos nenos
e nenas de Infantil.
Nun exercicio
cheo de imaxinación e sensibilidade, converteron novas no xornal que contaban historias tristes, unhas desas "malas
novas" que ás veces nos atopamos, en algo fermoso, en auténticas obras
de arte. Con cores vivas, texturas e debuxos cheos de esperanza,
demostrando que a creatividade e o amor poden curar calquera cousa. Ademais
atopáronse nunha nova do xornal.
Invitámosvos a
pasar pola biblio para botar un ollo ao noso mural de recortes e, quen
sabe, quizais hoxe saias de aquí con ganas de ler ese libro do que falan todos
os medios.