miércoles, 29 de octubre de 2025

 


 Celebrando a Semana das Bibliotecas co escritor Anxo Moure.

No marco da Semana das Bibliotecas, o noso colexio viviu unha experiencia inspiradora e diferente. Tivemos a visita do escrito Anxo Moure, o cal falounos sobre un tema de gran importancia: o coidado da natureza, centrado especialmente no seu libro “ A Xacia Luviñas”

Durante a charla, o autor convidounos a reflexionar sobre o papel que todos temos no coidado do medio ambiente. Explicounos como os ríos non son só fontes de auga, senón tamén o fogar de moitas especies, e unha parte fundamental para manter a vida no planeta. Dunha maneira próxima e creativa, compartiu historias que nos axudaron a comprender que incluso os pequenos xestos como non tirar lixo, aforrar auga ou respectar os espazos naturais axudan a construír un futuro máis limpo e sostible.

A actividade non só reforzou o noso interese pola lectura e a os contos, senón que tamén nos deixou unha valiosa ensinanza: coidar a natureza é coidar o noso futuro.



lunes, 27 de octubre de 2025

Día das Bibliotecas: unha apertura de curso máxica con Anteollos e Migas

 


O Día das Bibliotecas chegou e, con el, inauguramos oficialmente o curso escolar na nosa querida biblioteca. Este ano foi un día realmente especial, cheo de sorpresas, risas e novos descubrimentos!

A estrela do día foi, sen dúbida, a nosa nova mascota da biblioteca: Anteollos (que, como o seu nome indica, sempre leva unhas lentes para ler mellor) e o seu simpático e traveso axudante, Migas.

Anteollos e Migas encargáronse de guiar ao alumnado nunha fantástica visita guiada por cada recuncho da biblioteca. Foi a maneira perfecta de que os recentemente chegados coñecesen as diferentes zonas temáticas: dende o andel de novela ata o recuncho dos libros informativos e a zona de prensa.

Explicaron as normas da biblioteca dunha maneira divertida e clara, para que todos saibamos como coidar os nosos libros e manter a orde. Anteollos insistiu moito en que os libros son amigos que hai que tratar con agarimo!

Pero a gran revelación do día foi a presentación do noso novo Proxecto Documental Integrado (PDI) para este curso escolar: O Universo de Roald Dahl.

Este ano, mergullarémonos no mundo dun dos escritores máis xeniais e divertidos da literatura infantil e xuvenil.

Prepárense para historias de chocolaterías máxicas, bruxas horribles e nenos extraordinarios!

Migas xa nos chibou que está a preparar un menú moi fantástico baseado nos seus libros e Anteollos propúxonos ser científicos e científicas por un día e presentar durante o mes da ciencia (novembro) os nosos experimentos. Animádevos!

Desde a biblioteca, animámosvos a todos a que veñades a coñecernos, a saudar a Anteollos e Migas, e a comezar a vosa propia aventura no universo de Roald Dahl.


lunes, 6 de octubre de 2025

Viaxa a "O Universo de Roald Dahl" con Anteollos e Migas!

 

A Biblioteca Escolar arrinca o novo curso cunha aventura que che fará voar a imaxinación!

Estamos encantados de presentarvos o nova PDI deste ano: "O Universo de Roald Dahl". Preparádevos para mergullarvos nun mundo onde a maxia, o chocolate, os inventos fantásticos e as historias máis xeniais son a norma.

Roald Dahl é, sen dúbida, un dos autores de literatura infantil e xuvenil máis queridos de todos os tempos. Coa súa pluma divertida e enxeñosa, regalounos personaxes inesquecibles como Matilda, Willy Wonka, o Gran Xigante Bonachón (B.F.G.) e as malvadas bruxas. A través deste proxecto, exploraremos os seus libros, descubriremos a súa vida e entenderemos por que as súas historias seguen fascinando a lectores de todas as idades.

Anteollos e Migas xa están a preparar os seus cadernos!

As nosas mascotas, Anteollos e Migas, están máis que listas para esta expedición literaria.

Anteollos, coa súa sabedoría e a súa curiosidade infinita, axudaravos a navegar pola biblioteca para atopar todas as claves e segredos que esconde a obra de Dahl. Aprenderemos a clasificar os seus libros, a buscar datos e a converternos en verdadeiros detectives literarios.

E Migas, a máis lambona e travesa, encargarase de lembrarnos a importancia da imaxinación e o humor que caracterizan ao autor. Ela animaravos a ler, a debuxar e a soñar co chocolate que flúe na fábrica de Wonka.

Durante este curso, a PDI "O Universo de Roald Dahl" levaranos a realizar actividades, talleres de escritura, lecturas dramatizadas e, quen sabe, quizais ata algún concurso de inventos ao estilo do autor!

Estade  atentos/as e este blog e aos taboleiros da biblioteca! Anteollos e Migas teñen xa preparadas as primeiras sorpresas.

Esperámoste para comezar esta aventura literaria!

lunes, 30 de junio de 2025

Rematando o curso...


 Este curso 2024-2025 as nosas mascotas, Anteollos e Migas, axudáronnos a coñecer o Mundo e xa están impacientes por amosarvos a súa seguinte aventura... seguro que vos vai emocionar!

Bo verán!

martes, 3 de junio de 2025

Visita do club de lectura á biblioteca do Ceip Antas de Ulla: unha andaina chea de aprendizaxes


O pasado día 3 de xuño, o alumnado do club de lectura viviu unha experiencia diferente e enriquecedora: realizamos unha andaina ata a biblioteca do Ceip de Antas de Ulla, combinando o pracer de camiñar en grupo co descubrimento dun espazo cultural único.

A ruta foi amena e chea de conversas literarias, co bo humor e a curiosidade como compañeiras de viaxe. Ao chegar á biblioteca, fomos recibidos/as con moita amabilidade polo equipo que a xestiona. Alí, contáronnos a interesante historia de como lograron crear e consolidar ese espazo: desde os primeiros pasos ata a situación actual, pasando polo traballo comunitario, as colaboracións e o esforzo constante por manter unha biblioteca viva, útil e aberta a toda a veciñanza.

Ademais, explicáronnos (algúns alumnos/as do centro e de todas as idades) como se organiza o fondo bibliográfico, que actividades realizan ao longo do ano e como implican á comunidade na súa xestión. Foi especialmente inspirador ver como o amor polos libros e pola lectura pode converterse nun proxecto colectivo, sostible e cheo de vida.

Voltamos ao centro cansos/as pero moi contentos/as, coa mochila cargada de ideas e coa ilusión de seguir facendo do club de lectura un espazo tan enriquecedor como o que tivemos a sorte de visitar.




jueves, 29 de mayo de 2025

Club de lectura

 

Ola de novo!

Hoxe toca  subir o vídeos resumo dos libros que limos este curso no Club de Lectura.

Teo, Martina e Efrén fálannos de Muriel de María Canosa, que, por certo, recibiu o Premio Merlín de Literatura Infantil de 2017.


Manuel e Lucas anímanos a ler Carabela de Paula Carballeira, autora premiada este ano nos Clubs de Lectura das Bibliotecas Escolares.


Sofía, Zibo e Gabriela fannos un pequeno resumo do libro Rubicundo, de María Canosa.



Seguimos con Rubicundo, desta vez un grupo moi numeroso formado por Mauro, Leo, Sergio, Teo, Efrén, Génesis, Melani e Martina cóntannos a historia, fálannnos dos personaxes principais e rematan coa súa valoración do libro. A pouco máis xa non vos fai falta lelo despois de tanto detalle.


 E para rematar, temos unha xenial e completísima reseña de Sherlock Holmes, Estudo en Escarlata na que participaron Lara, Celia, Pablo, Lucas, Adrián, Manuel, Rodrigo e Iker.


O curso que ven seguiremos desfrutando de novas lecturas que deixarán en nós fondas pegadas.

viernes, 23 de mayo de 2025

Día da Letras Galega: Somos cantareiras!

 Como sabedes este ano a Real Academia Galega (RAG) acordou dedicarlles o Día das Letras Galegas 2025 ás cantareiras e a poesía popular oral, representadas nas figuras de Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira e as Pandereteiras de Mens.

Nós tamén quixemos homenaxear e poñer en valor o labor destas mulleres gardiás da nosa lingua e da nosa cultura popular de diferentes formas. 


O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, fixeron un traballo de investigación na materia de Música. Nunha liña do tempo recolleron a evolución da música galega "Dende as cantareira ata as Tanxugueiras".



Por outra banda, todo o cole participou nun concerto moi fermoso no que interpretaron diferentes cantigas das homenaxeadas, unha muiñeira... e rematamos o acto cantando, con moita forza, a canción "Tataravoa" das Fillas de Cassandra. Fixémolo tan ben que, parafraseando a letra da canción, as nosas tataravoas estarían moi contentas!!


viernes, 25 de abril de 2025

Formación de usuarios

 

Esta semana, recibimos con moita ilusión ao grupo de 5º de Primaria, quen participou nunha formación especial de usuarios da biblioteca.

Durante a sesión, aprenderon como está organizada a biblioteca, como se buscan os libros no catálogo, e que servizos ofrece este espazo tan importante para a aprendizaxe e a imaxinación. Logo realizaron por grupos unha procura e posta en práctica do aprendido onde as pistas atopadas estaban relacionas coas cantareiras homenaxeadas este ano. Pero iso non é todo: este grupo non só veu aprender, senón tamén a colaborar!

📖 Estamos felices de ver como os nosos mozos lectores convértense en usuarios responsables e comprometidos coa biblioteca!




miércoles, 23 de abril de 2025

Día do Libro

Como sabedes este curso o proxecto do cole é "A comarca da Ulloa ollando para o mundo", así que para celebrar o Día do Libro, decidimos investigar sobre as lendas máis destacadas dos diferentes continentes:

  • Infantil: "O nubeiro"(Galicia).
  • 1º E.P.: "O nacemento de Roma" (Italia).
  • 2º E.P.: "A lenda de Vakner" (Galicia).
  • 3º A E.P.: "A lenda do Güije" (Afrocubana).
  • 3º B E.P.: "O nacemento dunha flor" (Chile).
  • 4º E.P.: "Lenda Bunyip" (Autralia).
  • 5º E.P.: "Lenda sobre a orixe do café" (Etiopía).
  • 6º E.P.: "Lenda da baía de Ha Long" (Vietnam).



martes, 8 de abril de 2025

Telexornal Monterroso ao momento


Durante a Semana da Prensa, o alumnado participou nunha actividade da biblioteca dentro do proxecto "A Ulloa ollando para o mundo". Os nenos e nenas convertéronse en pequenos xornalistas: buscaron noticias de diferentes continentes e clasificáronas segundo as seccións dun xornal (sociedade, cultura, deportes, internacional...).

Ao final da semana, puxeron en práctica todo o aprendido coa elaboración dun telexornal, no que presentaron as novas recollidas diante das cámaras. Unha experiencia moi enriquecedora para coñecer o mundo e entender mellor os medios de comunicación.










jueves, 27 de marzo de 2025

Semana do Cómic

 Na semana do cómic o alumnado quixo deleitarnos cuns cómics feitos por eles nos que cada ciclo tiña un reto diferente: completar unha historia, debuxar, escribir o texto, recrear os globos do cómic...

As propostas foron sorprendentes pero fixemos unha escolla dos máis destacados de cada aula, aquí vos deixamos unha imaxe do mesmos.



No caso de infantil todos e cada un deles deixaron a súa pegada onde se representaron nun gran cómic.





miércoles, 12 de marzo de 2025

"POEFLIX" Día de Rosalía e Día da Poesía

 Este curso celebramos de maneira conxunta o Día de Rosalía de Castro (23 de febreiro) e o Día Mundial da Poesía (21 de marzo) coa inauguración da sección "POEFLIX", unha iniciativa destinada a fomentar a lectura e a expresión poética entre o seu alumnado.

A actividade principal, titulada "O cole recita a...", involucrou a todo o centro educativo. Os nenos e nenas de Educación Infantil recitaron poemas de Rosalía de Castro, mentres que o alumnado de Primaria seleccionou e recitou poemas de diferentes continentes.

Aproveito para engadir outras seccións como "FOTOBIBLIO" donde visionamos as fotos de todas as actividades realizadas dende a biblioteca e a sección "LEERFLIX" para suxerir lecturas aos nosos discentes.





jueves, 27 de febrero de 2025

Obra teatral: Mamasiña que medo!

O alumnado que asiste ao clube de lectura representou a obra teatral Mamasiña que medo! na Biblioteca, o día 21 de febreiro de 2025. Todo o cole puido desfrutar  destes grandes actores e actrices e co ben que o fixeron, quedaron con ganas de repetilo. 

🎦Pincha na foto para ver o video!




martes, 28 de enero de 2025

Nova mascota da biblioteca.

 Ola de novo!

Este novo curso vimos cargados de novidades dende a biblioteca do CEIP Plurilingüe de Monterroso.

Como xa sabedes, estamos a cambiar de localización a nosa biblioteca, e como vai ser un espazo totalmente renovado pensamos que o mellor sería escoller unha nova mascota.

Por iso, no primeiro trimestre pedímoslle a todo o alumnado do colexio que nos achegara as súas propostas para despois decidir o gañador ou gañadora nun competido sufraxio. Sufraxio significa votación, non pensedes que vos ides ir de aquí sen aprender nada.

Algunhas das propostas que chegaron a finalistas foron as que podedes ver na seguinte foto.

E tras o reconto final, estamos encantados de presentarvos a nosa nova mascota, Anteollos.


Anteollos acompañaranos nas moitas actividades que levaremos a cabo na biblioteca ao longo deste e dos próximos cursos.
Xa o iredes coñecendo, é un personaxe moi particular, e ten moito carácter.
 Por certo, non sexades xente puntillosa, xa nos damos conta de que na súa bufanda pon Gafitas, foi un regalo de aniversario que lle fixeron uns primos de Ponferrada.

Un saúdo e ata a próxima!