lunes, 27 de octubre de 2025

Día das Bibliotecas: unha apertura de curso máxica con Anteollos e Migas

 


O Día das Bibliotecas chegou e, con el, inauguramos oficialmente o curso escolar na nosa querida biblioteca. Este ano foi un día realmente especial, cheo de sorpresas, risas e novos descubrimentos!

A estrela do día foi, sen dúbida, a nosa nova mascota da biblioteca: Anteollos (que, como o seu nome indica, sempre leva unhas lentes para ler mellor) e o seu simpático e traveso axudante, Migas.

Anteollos e Migas encargáronse de guiar ao alumnado nunha fantástica visita guiada por cada recuncho da biblioteca. Foi a maneira perfecta de que os recentemente chegados coñecesen as diferentes zonas temáticas: dende o andel de novela ata o recuncho dos libros informativos e a zona de prensa.

Explicaron as normas da biblioteca dunha maneira divertida e clara, para que todos saibamos como coidar os nosos libros e manter a orde. Anteollos insistiu moito en que os libros son amigos que hai que tratar con agarimo!

Pero a gran revelación do día foi a presentación do noso novo Proxecto Documental Integrado (PDI) para este curso escolar: O Universo de Roald Dahl.

Este ano, mergullarémonos no mundo dun dos escritores máis xeniais e divertidos da literatura infantil e xuvenil.

Prepárense para historias de chocolaterías máxicas, bruxas horribles e nenos extraordinarios!

Migas xa nos chibou que está a preparar un menú moi fantástico baseado nos seus libros e Anteollos propúxonos ser científicos e científicas por un día e presentar durante o mes da ciencia (novembro) os nosos experimentos. Animádevos!

Desde a biblioteca, animámosvos a todos a que veñades a coñecernos, a saudar a Anteollos e Migas, e a comezar a vosa propia aventura no universo de Roald Dahl.


No hay comentarios:

Publicar un comentario