martes, 29 de diciembre de 2020

RECOMENDACIÓNS DE LECTURAS PARA O NADAL

Primeiro e segundo nivel de primaria:

Lingua Galega: "Rapunzel con piollos" e "O raposo e a mestra"

Lingua Castelá: "Somos monstruos" e "Los buscapistas"

Terceiro nivel de primaria:

 "Matilda" (dispoñible tanto en galego como en castelán)

                                                                          FELICES FESTAS!


lunes, 18 de mayo de 2020

RICARDO CARVALHO CALERO

Hoxe compartimos as actividades que os compañeiros e compañeiras de sexto fixeron sobre Ricardo Carvalho Calero.













viernes, 15 de mayo de 2020

RICARDO CARVALHO CALERO

Se as cousas estivesen a ocorrer coma sempre, na entrada da escola estarían expostos os carteis sobre a vida e a obra do autor ó que se lle adica o Día das Letras Galegas, este ano Ricardo Carvalho Calero.

Como nos parece unha mágoa que non poidamos gozar deles, aquí vos van:






















jueves, 14 de mayo de 2020

RICARDO CARVALHO CALERO

Os alumnos de 4º A fixéronnos chegar algúns traballos sobre Ricardo Carvalho Calero, e sobre As pitas baixo a choiva. 

Agardo que vos gusten e vos sirvan de inspiración.










miércoles, 13 de mayo de 2020

RICARDO CARVALHO CALERO

Achégovos hoxe un vídeo que recolle algunha información sobre o autor ó que se lle adica o Día das Letras Galegas neste ano:

https://youtu.be/o-LfGDiXTOY

Un gran traballo do alumnado do CPI Plurilingüe dos Dices (Rois, A Coruña), coa dirección do profesor Luís Aldegunde.

martes, 12 de mayo de 2020

RICARDO CARVALHO CALERO

Imos ver algunhas das obras de Ricardo Carvalho Calero.

Para os nenos e nenas de infantil:

http://www.edicionsembora.es/archivos/producto_932.jpg

As pitas baixo a choiva é un relato inspirado nas vivencias do autor cando era neno. No seguinte enlace podedes atopar a adaptación do conto para os máis pequenos.



lunes, 11 de mayo de 2020

RICARDO CARVALHO CALERO

Como supoño que todos sabemos, estamos na semana das Letras Galegas.  Este ano o día das Letras Galegas está adicado a Ricardo Carvalho Calero. Para que saibamos un pouco máis del, a continuación vai un resumo da súa biografía:



https://colexiofingoi.com/images/19-20/carballocalero/bio-carballo.jpg

Ricardo Carvalho Calero naceu en Ferrol no ano 1910, e a súa nai morreu cando el tiña só oito anos.
Na Universidade de Santiago de Compostela cursou estudos de Dereito, aínda que a súa preferencia era estudar Filosofía e Letras.
Xa cando estaba a cursar estudos de secundaria, comezou a escribir, sobre todo poesía e teatro. Xa nos primeiros anos comeza a publicar en revistas  e xornais como Maruxa, Vida Gallega e El Correo Gallego. Publica moitos destes poemas con pseudónimo.
Licénciase en Dereito en 1931 con notas brillantes, pero non desexa exercer como avogado e oposita a unha praza de funcionario municipal en Ferrol.

En 1927 entrara xa a formar parte do Seminario de Estudos Galegos, onde compartíu traballo con Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo, etc. En 1931 fórmase no Seminario un grupo de traballo para a elaboración dun Anteproxecto de Estatuto para Galiza; este grupo de traballo estaba formado por Carvalho Calero, Alexandre Bóveda, Vicente Risco, Valentín Paz Andrade e Lois Tobío. O Anteproxecto que elaboraron non saíu adiante, tiña un claro cariz federalista.

O Seminario de Estudos Galegos foi disolto en 1936 e co seu patrimonio creouse en 1944 o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, cun enfoque menos galeguista.

En 1931  Ricardo Carvalho participou na fundación do Partido Galeguista. Comeza a estudar por libre a carreira de Filosofía e Letras e afíliase ó Sindicato de Oficios Varios, que dependía da UGT e estaba ligado ó PSOE.

Casa en 1933 e cando remata os estudos de Filosofía e Letras prepara a oposición para un posto de profesor. Os exames obrígano a ir a Madrid en 1936, polo que non pode votar no plebiscito para a aprobación do Estatuto de Autonomía, aínda que se reúne con varios dos galegos que presentaron o Estatuto nas Cortes, e.g., Castelao. O inicio da Guerra Civil cólleo pois en Madrid e alístase como miliciano nun batallón do Quinto Rexemento, organizado pola Federación de Trabajadores de la Enseñanza (FETE). Formarase logo como oficial e participará na Plana Maior do Exército Republicano en Andalucía, como axudante xurídico.

Cando os republicanos perden a guerra é xulgado e condenado a doce anos e un día de prisión. É recluído no antigo convento de Santa Úrsula en Xaén e adícase a escribir poemas, en castelán, pola prohibición de usar o galego. Sae en liberdade condicional en 1941.

Regresa a Ferrol e pasa por serias dificultades económicas. Termina catro obras de teatro: Isabel, A sombra de Orfeu, Farsa das zocas e A árbore. Segue a escribir poesía e colabora co xornal La Noche, do pseudónimo "Fernando Cadaval".

En 1950 ofrécenlle dirixir o colexio Fingoi en Lugo, pero ten antecedentes penais e por iso non pode ser director dun centro de ensino. Pero o propietario do colexio noméao Conselleiro Delegado do Padroado, cargo que vai simultanear coa docencia durante quince anos. Tamén se implicou na formación do profesorado e a creación dun centro de investigación lingüístico-literario galego. Así o Centro de Estudos Fingoi, que Carvalho Calero dirixíu, publica Contos populares da provincia de Lugo (1963), O cancioneiro de Pero Meogo (1966), etc.

En 1965 hai cambios lexislativos que lle permiten a Ricardo Carvalho Calero acceder á docencia nunha escola pública. Comeza a impartir Lingua e Literatura  Galega na Universidade de Santiago de Compostela e aproba a oposición a profesor  de Lingua Española e Literatura. Comeza a impartir clase no instituto Rosalía de Castro  de Santiago. En 1966 publica a Gramática elemental del gallego común na editorial Galaxia e participa na redacción das Normas Ortográficas e Morfolóxicas editadas pola Real Academia Galega.

En 1972 acada a cátedra de Lingua e Literatura  Galega na universidade compostelá. Nos primeiros anos da Xunta de Galicia participa na subcomisión para a elaboración de normas para a lingua administrativa. Carvalho Calero defende unha postura reintegracionista que propón unha normativa baseada no portugués. Esta postura reflíctese en obras como Problemas da Lingua Galega, Da fala e da escrita  e Do galego e da Galiza.

En 1984 recibe a medalla "Castelao" en recoñecemento á súa obra literaria. Formaba parte da Real Academia Galega dende 1958.

Falece en 1990.



viernes, 24 de abril de 2020

SEGUIMOS NA SEMANA DO LIBRO

Quédannos dúas técnicas máis de Gianni Rodari da súa Gramática da Fantasía.

Lembramos as técnicas que xa vimos:

1. Binomio fantástico
2. Hipóteses fantásticas
3. Xogos coa prensa

4. Contos do revés
 Consiste en coller un conto que coñecemos e cambiar un dos seus trazos distintivos típicos:  por exemplo, imaxina o conto de Brancaneves se, en lugar de atopar sete ananos, atopase sete xigantes. Ou se Carapuchiña fose mala e o lobo fose bo...

Para darvos algunha outra idea, permitídeme que vos poña aquí un dos poemas da miña infancia, é de José Agustín Goytisolo:

Lobito bueno

Érase una vez...
un lobito bueno
al que maltrataban
todos los corderos.

Y había también
un príncipe malo,
una bruja hermosa
y un pirata honrado.

Todas estas cosas
había una vez,
cuando yo soñaba
un mundo al revés.

José Agustín Goytisolo , 1992                         

5. Ensalada de contos.
Esta técnica consiste en escoller personaxes e/ou situacións de diferentes contos e escribir que ocorrería, mesturando personaxes, lugares, situacións...

 http://3.bp.blogspot.com/-x4J-femwUlw/VhooSrnSs8I/AAAAAAAAAIA/BLBD6KPy5kU/s640/cuentos-infantiles-editorial-timunmas.jpg

Imaxinade que mesturamos os títulos:



Podedes mesturalos vós doutra maneira, ou poñelos de tres en tres...

Animádevos e facede algún conto usando algunha das técnicas de Rodari!



jueves, 23 de abril de 2020

DÍA DO LIBRO

Hoxe é 23 de abril, Día do Libro. 

Como sabedes, levamos toda a semana falando de Rodari, que este ano cumpriría 100 anos.
Seguimos propoñéndovos actividades para que escribades os vosos contos, utilizando as técnicas que aparecen na Gramática da Fantasía. Xa falamos do binomio fantástico, agora amosareivos dúas técnicas máis:

2. Hipótese fantástica

Trátase de propoñer unha situación estraña ou imposible, enlazando un suxeito e un predicado que non teñan relación e formulando hipóteses que se saian do común.

A historia xorde a partir dunha pregunta tipo: que pasaría se...?



Escolle unha das hipóteses e escribe unha historia a partir dela. Se che apetece inventa outras hipóteses fantásticas novas.

3. Xogos coa prensa ou noticia fantástica

Esta técnica tamén consiste en enlazar anacos de frases para que o resultado sexa chocante.

Póñovos un exemplo:


Recortade titulares de noticias de periódicos e revistas. Logo recortade a noticia pola metade, separando o suxeito do predicado. Despois poñede dun lado tódolos suxeitos e doutro tódolos predicados. Compoñede novos titulares xuntando ó azar un suxeito cun predicado.

Deséxovos a todos un feliz Día do Libro:





miércoles, 22 de abril de 2020

GRAMÁTICA DA FANTASÍA

O libro máis  importante de Gianni Rodari é Gramática da Fantasía. 


Esta imaxe é do libro en galego, pero tamén está editado en castelán.

Gianni Rodari publica este libro en 1973, cando xa tiña moitas obras dirixidas ó público infantil. Gramática da Fantasía non está dirixida a nenos e nenas, senón a pais, nais e educadores, e recolle algunha das técnicas que o escritor italiano utilizou para escribir as súas obras infantís e xuvenís.






Estas técnicas serven para que calquera de nós poida escribir un relato. Agora veremos algunhas destas técnicas:

1. O binomio fantástico.
Esta técnica consiste en escoller dúas palabras calquera, ó chou, collidas do dicionario, ditas por outra persoa, e logo relacionalas dalgunha maneira para inventar un conto.

Propóñovos que escribades vinte palabras, as que queirades, por exemplo:




Recortádeas e metédeas nunha caixa ou nunha bolsa. Despois remexédeas e sacade, sen mirar, dúas palabras... a ver que se vos ocorre con esas dúas palabras.

Se queredes, utilizade estas palabras que vos suxiro, a ver que contos podedes facer!

martes, 21 de abril de 2020

BIBLIOGRAFÍA DE GIANNI RODARI

Rodari escribíu moitos libros destinados a nenos e nenas, todos teñen en común que son libros moi divertidos e cheos de fantasía e imaxinación.

Vouvos propoñer algúns deles; uns en galego e outros en castelán. Evidentemente, son traduccións do italiano, que era o idioma no que escribía Gianni Rodari:


Contos por teléfono
Este libro está composto por setenta relatos breves, moi imaxinativos e con moito sentido do humor. Algúns deses relatos están inspirados en contos clásicos e outros crean novos personaxes ou novos obxectos. Tamén hai un constante xogo coa linguaxe.











Érase dos veces el barón Lamberto
O barón Lamberto era moi vello, moi rico, e estaba moi enfermo. Tiña, nada menos que vinte e catro enfermidades, que só o seu mordomo sabe de memoria.
Pero un día o barón decide aplicar a sabedoría do antigo Exipto e comezan a suceder cousas...







       
Cuentos para jugar
Aquí Rodari reúne unha vintena de contos, cada un con tres finais diferentes, así cada lector pode escoller o que máis lle guste.

Déixovos aquí o enlace para que poidades ler este libro. E, coma sempre, se vos gusta, mercádeo cando acabe o confinamento:

https://www.aulapt.org/wp-content/uploads/2016/03/veinte-cuentos-de-Gianni-Rodari-con-tres-finales-.pdf





Confundindo historias

Esta é unha recreación do conto de carapuchiña e o lobo, como toda a obra de Rodari, marcada polo xogo e a imaxinación.

Espero que lles guste especialmente ós de infantil, por iso vos deixo o seguinte enlace, cunha recreación da obra.

MERCÁDEO se vos gusta!!

https://www.youtube.com/watch?v=0rCwOIAH8ek


Rodari ten moitas máis obras, anímovos a informarvos sobre elas. Na próxima entrada falaremos da súa obra máis importante.

ÁNIMO, que queda menos!!

lunes, 20 de abril de 2020

SEMANA DO LIBRO



Esta semana é o día do Libro, o día 23. Ímoslle adicar toda a semana a Gianni Rodari, un dos autores fundamentais da literatura infantil, porque este ano é o seu centenario.


Gianni Rodari.jpg
https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Gianni_Rodari.jpg


GIANNI RODARI

Foi un pedagogo, periodista, mestre e escritor italiano.
Naceu o 23 de outubro de 1920, en Omegna, cidade italiana. En 1937 obtivo o título de mestre, e comeza a exercer na localidade de Uboldo. Nestes anos os mestres non gañaban moito así que se ve obrigado a ingresar no Partido Nacional Fascista. Pero en 1944 pásase ó Partido Comunista.

Cando acaba a IIª Guerra Mundial, á que non foi mobilizado pola súa mala saúde, empeza a traballar  na revista Cinque Punte e despois foi nomeado director do xornal L`Ordine Nuovo. En 1947 empeza a traballar en L`Unitá de Milán e dous anos despois é nomeado director da súa sección infantil, chamada La domenica dei piccoli.

En 1950 múdase a Roma e alí funda, con Dina Rinaldi, o semanario xuvenil Pionere. En 1951 publica a súa primeira obra pedagóxica: Il manuale del pionere (O manual do pioneiro), que lle supuxo a excomuñón.

En 1953 funda o periódico Avanguardia, ligado á Federación Xuvenil Comunista Italiana.

En 1957 ingresa no Colexio de Periodistas. Colabora coa RAI (televisión italiana) e coa BBC (televisión británica) nun programa infantil, e escribe no periódico Paese Sera co pseudónimo "Benelux". Algunhas das súas obras tamén apareceron co pseudónimo "Francesco Aricocchi".

Entre 1969 e 1977 dirixe Il giornale dei genitori (O periódico dos pais), e en 1970 recibe o premio Hans Christian Andersen, o meirande galardón na literatura infantil.

En 1973 publica a súa obra máis importante: Gramática da Fantasía, dirixida a mestres, familias e educadores, expón técnicas para estimular a fantasía.

Morre en 1979.

miércoles, 15 de abril de 2020

SEGUIMOS CONFINADOS

ÁNIMO, que queda menos!

Seguimos de confinamento, así que aquí vai outro clásico para ler en liña.

File:Plate 2 of The Happy Prince and Other Tales (1888).png

Este é un dos contos máis fermosos de Oscar Wilde, publicado en inglés en 1888, xunto con outros contos do autor. En castelán titúlase El gigante egoista.

Como veño facendo últimamente déixovos o enlace, pero pídovos que o merquedes cando o confinamento acabe:

http://bibliotecadigital.ilce.edu.mx/Colecciones/CuentosMas/GiganteEgo.pdf

COIDÁDEVOS E COIDADE DA VOSA FAMILIA!!

miércoles, 1 de abril de 2020

OUTRO CONTO PARA OS PEQUENOS

Hoxe recoméndovos outro conto para os pequenos da casa. É un dos meus contos favoritos. Póñovos un enlace para que leades o conto e outro para que escoitedes a canción. Algúns dos alumnos do cole sabédela de memoria...

Corre corre, cabaciña (Coleccion O): Amazon.es: Mejuto Rial, Eva ...

https://vdocuments.mx/corre-corre-cabacina.html (Conto)

https://www.youtube.com/watch?v=EfUEd0xTlhA (Canción)

Ademáis póñovos o enlace dalgunhas actividades en liña.  Aconséllovolas para 1º, 2º ou 3º de primaria.

https://www.edu.xunta.gal/centros/cepdeventin/aulavirtual2/file.php/1/pili/lim%20corre%20corre%20cabaci%C3%B1a/correcorrecabacinna.html (Actividades)

COIDÁDEVOS MOITO E CANDO ISTO PASE, MERCADE O LIBRO!!!


martes, 24 de marzo de 2020

ALBERT UDERZO

Acaba de morrer Albert Uderzo. Tiña 92 anos.
Por que falamos aquí da morte deste home? Porque con Renè Goscinny foi o creador de Astérix e Obélix. Uderzo era francés e estivo dedicado a debuxar as historietas dos heroes galos dende 1959 ata que se retira en 2013. Ademais, despois da morte de Goscinny (1977), tamén se fixo responsable dos guións.

Pero quédannos as súas obras, Uderzo participou en 34 dos 38 álbumes publicados de Astérix e Obélix.

Resultado de imagen de astérix y obélix en los juegos olímpicos

Déixovos aquí un enlace para que poidades ler un dos meus favoritos: Astérix y los juegos olímpicos

http://www.delingualatina.info/dlll/addenda/comics/49157880-Asterix-Obelix-Axterix-en-Los-Juegos-Olimpicos.pdf

Por favor, mercádeo cando acabe este período de confinamento!!!  Tamén o hai en galego.

viernes, 20 de marzo de 2020

PERMANECE NA CASA

Todos sabedes que estamos a vivir unha situación especial, complicada para maiores e pequenos. Ademáis de segui-las recomendacións das autoridades, debemos tratar de sacar algo positivo destes días difíciles.
Este pode ser un bo momento para recuperar, consolidar ou adquirir o hábito de ler.
Vouvos recomendar un libro para os máis pequenos:

Adivina cuánto te quiero, de Sam McBratney, con ilustracións de Anita Jeram.

Resultado de imagen de adivina cuanto te quiero


Como non estamos en momento de saír a mercar, déixovos dous enlaces que vos permitirán acceder ó libro para lelo vía internet:

https://youtu.be/WW4yaXFvZSE

https://es.slideshare.net/ropepe-13/adivina-cunto-te-quiero-9907159


Espero que gocedes da súa lectura.

lunes, 27 de enero de 2020

DÍA DA PAZ

Tódolos días do ano deben ser Día da Paz.

Botádelle un ollo a algúns libros relacionados coa paz que temos na nosa biblioteca: unha biografía de Gandhi (que morreu o 30 de xaneiro de 1948 e por iso o día da paz se celebra  neste día), unha biografía de Ana Frank (hoxe, 27 de xaneiro, é o aniversario da liberación de Auschwitz), entre outros. Tamén atoparedes La bruja doña Paz, de Antoniorrobles, un conto moi bonito.
Déixovos aquí un traballo dos nenos e nenas de tres anos en relación con esta celebración.