martes, 3 de junio de 2025

Visita do club de lectura á biblioteca do Ceip Antas de Ulla: unha andaina chea de aprendizaxes


O pasado día 3 de xuño, o alumnado do club de lectura viviu unha experiencia diferente e enriquecedora: realizamos unha andaina ata a biblioteca do Ceip de Antas de Ulla, combinando o pracer de camiñar en grupo co descubrimento dun espazo cultural único.

A ruta foi amena e chea de conversas literarias, co bo humor e a curiosidade como compañeiras de viaxe. Ao chegar á biblioteca, fomos recibidos/as con moita amabilidade polo equipo que a xestiona. Alí, contáronnos a interesante historia de como lograron crear e consolidar ese espazo: desde os primeiros pasos ata a situación actual, pasando polo traballo comunitario, as colaboracións e o esforzo constante por manter unha biblioteca viva, útil e aberta a toda a veciñanza.

Ademais, explicáronnos (algúns alumnos/as do centro e de todas as idades) como se organiza o fondo bibliográfico, que actividades realizan ao longo do ano e como implican á comunidade na súa xestión. Foi especialmente inspirador ver como o amor polos libros e pola lectura pode converterse nun proxecto colectivo, sostible e cheo de vida.

Voltamos ao centro cansos/as pero moi contentos/as, coa mochila cargada de ideas e coa ilusión de seguir facendo do club de lectura un espazo tan enriquecedor como o que tivemos a sorte de visitar.




No hay comentarios:

Publicar un comentario