lunes, 6 de octubre de 2025

Viaxa a "O Universo de Roald Dahl" con Anteollos e Migas!

 

A Biblioteca Escolar arrinca o novo curso cunha aventura que che fará voar a imaxinación!

Estamos encantados de presentarvos o nova PDI deste ano: "O Universo de Roald Dahl". Preparádevos para mergullarvos nun mundo onde a maxia, o chocolate, os inventos fantásticos e as historias máis xeniais son a norma.

Roald Dahl é, sen dúbida, un dos autores de literatura infantil e xuvenil máis queridos de todos os tempos. Coa súa pluma divertida e enxeñosa, regalounos personaxes inesquecibles como Matilda, Willy Wonka, o Gran Xigante Bonachón (B.F.G.) e as malvadas bruxas. A través deste proxecto, exploraremos os seus libros, descubriremos a súa vida e entenderemos por que as súas historias seguen fascinando a lectores de todas as idades.

Anteollos e Migas xa están a preparar os seus cadernos!

As nosas mascotas, Anteollos e Migas, están máis que listas para esta expedición literaria.

Anteollos, coa súa sabedoría e a súa curiosidade infinita, axudaravos a navegar pola biblioteca para atopar todas as claves e segredos que esconde a obra de Dahl. Aprenderemos a clasificar os seus libros, a buscar datos e a converternos en verdadeiros detectives literarios.

E Migas, a máis lambona e travesa, encargarase de lembrarnos a importancia da imaxinación e o humor que caracterizan ao autor. Ela animaravos a ler, a debuxar e a soñar co chocolate que flúe na fábrica de Wonka.

Durante este curso, a PDI "O Universo de Roald Dahl" levaranos a realizar actividades, talleres de escritura, lecturas dramatizadas e, quen sabe, quizais ata algún concurso de inventos ao estilo do autor!

Estade  atentos/as e este blog e aos taboleiros da biblioteca! Anteollos e Migas teñen xa preparadas as primeiras sorpresas.

Esperámoste para comezar esta aventura literaria!

Misión cumprida: Un "Escape Room" para formar aos nosos voluntarios e voluntarias!

 O equipo de axudantes da biblioteca xa está listo para a acción! Nestas últimas semanas, o alumnado voluntario de 5º e 6º de Primaria participou na súa xornada de formación de usuarios. Pero esquecédevos das charlas aburridas e das normas ditadas de memoria... Este ano quixemos facer algo totalmente diferente e emocionante!

Para coñecer a fondo os segredos da nosa biblioteca, os rapaces e rapazas tiveron que enfrontarse a un gran reto: un Escape Room bibliotecario!

Organizados en equipos, tiveron que resolver misterios, descifrar códigos ocultos e superar divertidas probas que os levaron a:

  • Comprender como se organiza a CDU (Clasificación Decimal Universal).

  • Aprender a buscar correctamente os libros nos estantes.

  • Diferenciar as distintas seccións do noso espazo.

  • Coñecer o funcionamento do sistema de préstamos.

O mellor de todo? Que aprenderon un montón case sen darse conta, demostrando un traballo en equipo fantástico e, sobre todo, pasándoo en grande. O entusiasmo e os sorrisos foron os grandes protagonistas da xornada. ¡Temos un equipo de axudantes de primeira!.

Deixámosvos algunhas fotos coas mellores imaxes do Escape Room e da formación. Non perdades as caras de concentración e ledicia!  



Pero as formacións non foron cousa exclusiva do alumnado. O profesorado do centro tamén tivo a súa propia sesión de formación de usuarios.

Porque nunha biblioteca viva, ¡todos seguimos aprendendo cada día!


lunes, 30 de junio de 2025

Rematando o curso...


 Este curso 2024-2025 as nosas mascotas, Anteollos e Migas, axudáronnos a coñecer o Mundo e xa están impacientes por amosarvos a súa seguinte aventura... seguro que vos vai emocionar!

Bo verán!

martes, 3 de junio de 2025

Visita do club de lectura á biblioteca do Ceip Antas de Ulla: unha andaina chea de aprendizaxes


O pasado día 3 de xuño, o alumnado do club de lectura viviu unha experiencia diferente e enriquecedora: realizamos unha andaina ata a biblioteca do Ceip de Antas de Ulla, combinando o pracer de camiñar en grupo co descubrimento dun espazo cultural único.

A ruta foi amena e chea de conversas literarias, co bo humor e a curiosidade como compañeiras de viaxe. Ao chegar á biblioteca, fomos recibidos/as con moita amabilidade polo equipo que a xestiona. Alí, contáronnos a interesante historia de como lograron crear e consolidar ese espazo: desde os primeiros pasos ata a situación actual, pasando polo traballo comunitario, as colaboracións e o esforzo constante por manter unha biblioteca viva, útil e aberta a toda a veciñanza.

Ademais, explicáronnos (algúns alumnos/as do centro e de todas as idades) como se organiza o fondo bibliográfico, que actividades realizan ao longo do ano e como implican á comunidade na súa xestión. Foi especialmente inspirador ver como o amor polos libros e pola lectura pode converterse nun proxecto colectivo, sostible e cheo de vida.

Voltamos ao centro cansos/as pero moi contentos/as, coa mochila cargada de ideas e coa ilusión de seguir facendo do club de lectura un espazo tan enriquecedor como o que tivemos a sorte de visitar.




jueves, 29 de mayo de 2025

Club de lectura

 

Ola de novo!

Hoxe toca  subir o vídeos resumo dos libros que limos este curso no Club de Lectura.

Teo, Martina e Efrén fálannos de Muriel de María Canosa, que, por certo, recibiu o Premio Merlín de Literatura Infantil de 2017.


Manuel e Lucas anímanos a ler Carabela de Paula Carballeira, autora premiada este ano nos Clubs de Lectura das Bibliotecas Escolares.


Sofía, Zibo e Gabriela fannos un pequeno resumo do libro Rubicundo, de María Canosa.



Seguimos con Rubicundo, desta vez un grupo moi numeroso formado por Mauro, Leo, Sergio, Teo, Efrén, Génesis, Melani e Martina cóntannos a historia, fálannnos dos personaxes principais e rematan coa súa valoración do libro. A pouco máis xa non vos fai falta lelo despois de tanto detalle.


 E para rematar, temos unha xenial e completísima reseña de Sherlock Holmes, Estudo en Escarlata na que participaron Lara, Celia, Pablo, Lucas, Adrián, Manuel, Rodrigo e Iker.


O curso que ven seguiremos desfrutando de novas lecturas que deixarán en nós fondas pegadas.

viernes, 23 de mayo de 2025

Día da Letras Galega: Somos cantareiras!

 Como sabedes este ano a Real Academia Galega (RAG) acordou dedicarlles o Día das Letras Galegas 2025 ás cantareiras e a poesía popular oral, representadas nas figuras de Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira e as Pandereteiras de Mens.

Nós tamén quixemos homenaxear e poñer en valor o labor destas mulleres gardiás da nosa lingua e da nosa cultura popular de diferentes formas. 


O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, fixeron un traballo de investigación na materia de Música. Nunha liña do tempo recolleron a evolución da música galega "Dende as cantareira ata as Tanxugueiras".



Por outra banda, todo o cole participou nun concerto moi fermoso no que interpretaron diferentes cantigas das homenaxeadas, unha muiñeira... e rematamos o acto cantando, con moita forza, a canción "Tataravoa" das Fillas de Cassandra. Fixémolo tan ben que, parafraseando a letra da canción, as nosas tataravoas estarían moi contentas!!


viernes, 25 de abril de 2025

Formación de usuarios

 

Esta semana, recibimos con moita ilusión ao grupo de 5º de Primaria, quen participou nunha formación especial de usuarios da biblioteca.

Durante a sesión, aprenderon como está organizada a biblioteca, como se buscan os libros no catálogo, e que servizos ofrece este espazo tan importante para a aprendizaxe e a imaxinación. Logo realizaron por grupos unha procura e posta en práctica do aprendido onde as pistas atopadas estaban relacionas coas cantareiras homenaxeadas este ano. Pero iso non é todo: este grupo non só veu aprender, senón tamén a colaborar!

📖 Estamos felices de ver como os nosos mozos lectores convértense en usuarios responsables e comprometidos coa biblioteca!