Ola de novo!
Este novo curso vimos cargados de novidades dende a biblioteca do CEIP Plurilingüe de Monterroso.
Como xa sabedes, estamos a cambiar de localización a nosa biblioteca, e como vai ser un espazo totalmente renovado pensamos que o mellor sería escoller unha nova mascota.
Por iso, no primeiro trimestre pedímoslle a todo o alumnado do colexio que nos achegara as súas propostas para despois decidir o gañador ou gañadora nun competido sufraxio. Sufraxio significa votación, non pensedes que vos ides ir de aquí sen aprender nada.
Algunhas das propostas que chegaron a finalistas foron as que podedes ver na seguinte foto.
E tras o reconto final, estamos encantados de presentarvos a nosa nova mascota, Anteollos.
Xa o iredes coñecendo, é un personaxe moi particular, e ten moito carácter.
Por certo, non sexades xente puntillosa, xa nos damos conta de que na súa bufanda pon Gafitas, foi un regalo de aniversario que lle fixeron uns primos de Ponferrada.
Un saúdo e ata a próxima!

